CriptoCartos: Bitcoin e blockchain

Obviamente esta sección tiña que chamarse Economía ;-)

Antes de nada apuntar que parece moi necesaria e urxente unha formación económica (e informática) básica que permita a unha persoa entender o modelo de negocio de Google ou Facebook (baseda en produtos gratuítos) ou o funcionamento das criptomoedas. Na era dixtal a información é poder, e o coñecemento cartos.

A Economía actual está baseada en algoritmos, tanto nos procesos especulativos que dominan os grandes mercados globais (a economía productiva, clásica, é cada vez menos importante) como no funcionamento das grandes empresas informáticas, centradas no uso do Big Data, ante a ignorancia da maior parte da poboación e o consentimento ou ausencia práctica dos gobernos. A isto temos que sumar a aparición das criptomoedas, que van a unha velocidade que fai imposible predicir a súa importanticia a seis meses vista (escribimos isto en Xuño de 2018; que terá acontecido no Nadal?. Se poidesemos vaticinalo seriamos millonarios e non perderiamos o tempo escribindo páxinas de algoritmos ;-).

Quen queira aprender con calma e profundidade pode ir ao apartado de Ensaios e ver varias obras recomendadas. No apartado de Papel: Banda Deseñada podes atopar información do cómic sobre o Bitcoin. E un bó artigo sobre Bitcoin é este de Xataka. De Bitcoin non só é interesante os seus aspectos algorítmicos e informáticos, senón tamén a súa intrahistoria, pois non se sabe quen é o seu creador, nin polo tanto as súas intencións ao crealo. O que si sabemos seguro é que foi unha innovación informática e económica moi sobresaínte.

Bitcoin: os seus algoritmos

Usamos o termo bitcoin para falar de xeito xenérico das criptomoedas, pois foi a primeira en aparecer e é a máis popular, pero en realidade existen moitas criptomoedas e probablemente vaian aumentando a súa importacia na nosa Economía (repetimos que é imposible facer predicións; ao mellor cando leas isto os gobernos teñen decidido perseguir penalmente a súa posesión e distribuición, pero parece máis probable a día de hoxe que moitas empresas aposten por empregallas como un medio de aforrar gastos fiscais, o cal pode ser catastrófico para o noso modelo social, baseado na tributación fiscal).

Unha criptomoeda é unha moeda non creada nin sustentada por un Goberno nin unha banca central, caso do euro ou o dólar. Non deixa de ser ficheiros aloxados en diversos servidores, cunha arquitectura de rede distribuída P2P (peer-to-peer) para evitar que poidan confiscarse,  ficheiros aos que os usuarios poden concederlle valor monetario (a Economía é moito máis extraña que a Algoritmia, e non imos explicala aquí) e que usan distintos algoritmos ou protocolos para distribuirse e intercambiarse, e garantir a súa seguridade e impedir o uso fraudulento. Os ficheiros de Bitcoin poden dividirse en ficheiros de menor valor:  os satoshis, e, unha das cousas máis raras, os bitcoins vanse creando a medida que pasa o tempo e non permanecen nun sitio, senón que se intercambian de ordenador na rede distribuída. O número máximo de Bitcoins polo seu deseño será de 21 millóns.

De maneira moi simplificada podemos afirmar que Bitcoin é o uso de un algoritmo: RSA e unha estrutura de datos: Blockchain, co sustento dunha arquitectura P2P:

RSA é un sistema criptográfico de clave pública, o primeiro algoritmo deste tipo é o máis famoso, e pode ser utilizado para cifrar información que debe circular por internet ou para facer sinaturas dixitais. Falamos del na páxina de Criptografía e Seguridade.

Blockchain: cadea de bloques

O verdadeiro invento de Bitcoin foi a cadea de bloques, un sistema para almacenar información en redes distribuídas que garante que non se poida modificar a información que contén un ficheiro. Esta cadea de bloques ven sendo como un libro de contabilidade de todos os bitcoins empregados, pero é público, distribuído, e de código aberto. Cada vez que se crea un bitcoin ou un satoshi novo se lle engade un bloque novo á cadea. Os algoritmos que utilizan estas cadeas de bloques garanten a integridade do ficheiro, que non se use para pagar en dous sitios distintos e a seguridade do intercambio non centralizado (o que non pasa a través dun banco central, tal e como sucede cando pagamos cunha tarxete de crédito, por exemplo).